Wednesday 15 de May de 2024

Cincocentos rapaces e rapazas participaron no IV Concurso de Videocreación contra a Violencia de Xénero do Concello de Noia


A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, presidiu esta mañá a entrega de premios no Liceo de Noia

A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Noia, Marisol Villar, presidiu esta mañá o acto de entrega de premios do “IV Concurso de Videocreación contra a violencia de xénero. O mundo é máis grande que un puño pechado. Di non á violencia”. Un acto que tivo lugar no Liceo de Noia e que reuniu a máis de 500 rapaces e rapazas que participaron no proxecto dos colexios María Assumpta e Jaime Balmés, e dos institutos Virxe do Mar e Campo de San Alberto.

O primeiro premio foi para alumnado do IES Virxe do Mar polo seu vídeo titluado: “Só somos mulleres”. O traballo “Los colores del amor”, de alumnado do IES Campo de San Alberto, alzouse co segundo premio. Completou o podio “Equidade”, do colexio Jaime Balmés. Así mesmo, repartíronse outros 10 cuartos premios entre os distintos centros participantes.

Uns premios que foron entregados pola concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar; o concelleiro de Cultura, José Pérez; a concelleira de Ensino, Mariola López; a concelleira de Xuventude, Laura Salgado; a concelleira de En Marea, Lola Caramés; e o voceiro municipal do BNG, Ricardo Suárez. O acto rematou cunha actuación da DJ Silvia Neytiri.

Estes vídeos son froito do traballo levado a cabo nos últimos meses polo Concello de Noia cos centros educativos do municipio, onde se desenvolveron obradoiros de igualdade e prevención da violencia de xénero para alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de FP Básica. Uns vídeos que poderán ser vistos polo alumnado, profesorado, familias e aquelas persoas que o desexen nun pase que terá lugar o xoves 28 de novembro, ás 19:00 horas, no Coliseo Noela. A entrada será libre e de balde ata completar aforo.